A ampliación da rúa Galdín, para aliviar o tráfico pesado en San Cibrao, rematará “en xullo”

A conselleira de Infraestruturas visitou as actuacións, cun investimento de 660.000 euros e que servirán para habilitar unha entrada e saída alternativas

Visita de Ethel Vázquez ás obras. AXM

As obras de urbanización da rúa Galdín, entre o colexio e a zona da Veiga de San Cibrao, onde se ubican a residencia, o pavillón ou o centro de saúde, estarán listas en xullo, segundo informou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que revisou este mércores as actuacións.

O goberno local de Cervo espera que a ampliación desta vía alivie a vila do tráfico pesado, ao habilitar unha entrada e unha saída alternativa para o polígono industrial de Cuíña.

Vázquez indicou que as obras están moi avanzadas, cun grao de execución actual “que rolda o 85%”. Precisou que faltan por construír as dúas glorietas nos dous extremos da rúa e a instalación do alumeado e a pavimentación.

As actuacións contan cun investimento de 660.000 euros, financiados pola Administración autonómica, mentres que o Concello redactou o proxecto, contratou e está a executar as obras.

ACTUACIÓNS

Os traballos consisten na ampliación da estrada e da ponte de pedra sobre a vía do Feve, na construción de dúas glorietas, a execución de beirarrúas e aparcadoiros nas marxes e a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais, así como os servizos de alumeado e telecomunicacións.

Esta rúa terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de doce que favorecerá o dobre sentido da circulación. Están plantexados aparcadoiros e beirarrúas a ámbolos dous lados da calzada.

“MÁIS SEGURIDADE E MENOS TRÁFICO”

Vázquez achegouse á zona acompañada do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares.

Villares salientou que se trata “dunha obra importantísima para este Concello, nomeadamente para o núcleo de San Cibrao”, pois “aliviará moito o tráfico, ao tempo que permitirá incrementar a seguridade dos viandantes que transiten pola zona”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here